Thursday 16 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño mellorará a eficiencia enerxética da escola infantil e do centro municipal de empresas


Investiranse cerca de 180.000 euros na renovación da envolvente do edificio anexo ao pazo consistorial e na instalación dun novo sistema de calefacción

 

Dentro dos seus compromisos cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, o Concello de San Sadurniño está levando adiante varias actuacións referidas ao aforro enerxético, a unha xestión sostible da auga e tamén á redución das emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro. Algunhas medidas levan anos en marcha, como por exemplo a progresiva modernización con tecnoloxía de led da rede de iluminación pública, as melloras que se están acometendo pouco a pouco no abastecemento de auga ou a renovación do illamento térmico das instalacións municipais. Neste último apartado incluiuse a renovación da envolvente da Casa da Cultura, xa rematada, a próxima rehabilitación da galería da Casa do Concello e o arranxo exterior do seu edificio anexo, que irá acompañado dun novo sistema de calefacción alimentado por biomasa. Os dous proxectos referidos ao edificio multiusos -que alberga a escola infantil e o centro municipal de empresas- suman un orzamento cercano aos 180.000 euros. O prazo de recepción de ofertas para ambos contratos -un de obras e outro de subministración- concluiu hai escasos días.

O proxecto de maior contía, cifrado en 135.269,66 euros (IVE incluído), é o destinado á mellora da eficiencia enerxética de todo o inmoble situado ao lado do consistorio, coa que ademais tamén se pretenden corrixir os problemas de humidade detectados en certas zonas.

Segundo as características técnicas, a fachada, os laterais e a parte traseira levarán un illamento térmico exterior con paneis ríxidos de poliestireno que logo se recubrirán cun morteiro acrílico rematado en cor branca, a mesma que ten agora. Tamén se instalarán celosías nos ventanais que regulen a radiación solar e construirase un zócalo de granito para que a parte inferior do edificio funcione como unha fachada ventilada.

A obra financiarase con parte da achega extraordinaria do Fondo de Cooperación Local e agárdase que nos próximos días a Mesa de Contratación formule proposta de adxudicación provisional do contrato, sobre un prazo máximo de execución de catro meses.

A maiores da renovación da envolvente, o inmoble levará unha caldeira de biomasa mediante pellets en substitución do sistema do actual de calefacción, alimentado con gas. O cambio pretende aforrar custes en termos económicos e ambientais, xa que se prevé unha importante redución nas emisións de CO².

A instalación estará totalmente automatizada -alimentación, regulación da chama e limpeza- e incluso incorporará un control intelixente desde móbil ou táblet para programala e monitorizar o seu funcionamento, de modo que o mantemento se reduza ao mínimo posible e, en todo caso, á carga da tolva de pellets -con capacidade para 4 toneladas- e ao baleirado do depósito de cinza.

A subministración e instalación deste novo sistema de calefacción para a EIM A Rolada e o Centro Municipal de Empresas está cuantificada en 44.542,22 euros, impostos incluídos. O prazo de presentación de ofertas para a licitación pública finalizou o pasado día 4 de setembro. O Executivo local confía en poder adxudicar o contrato en breve co obxectivo de que o equipamento entre en funcionamento xa para este inverno.